Situada no mesmo casco urbano do municipio, a igrexa parroquial de Santa Baia de Boiro é un claro exemplo da arte barroca rural. Localizada ao lado do Camiño Real, o templo parroquial coñeceu no século XVIII as obras de ampliación de maior envergadura. As súas orixes barrocas maniféstanse en motivos estilísticos, resaltando o campanario, inspirado na Torre do Reloxo da Catedral Compostelá.
Sen embargo, a parte máis antiga do templo é a Sancristía, que foi Capela Maior do templo anterior, construído a comezos do século XVIII. A igrexa está enriquecida coa obra escultórica de mestres como Miguel de Romay, unha das primeiras figuras da escultura barroca galega, e de artesáns e artistas locais como os Núñez da Tenencia, autores de numerosas obras escultóricas por toda a comarca.