Tras recuperar forzas, propoñemos diferentes opcións para sacarlle o máximo partido ao día:
- Pasade a tarde de forma relaxada gozando da tranquilidade, das agradables temperaturas e das comodidades dos areais do noso municipio.
- Realizar algunhas das seguintes visitas guiadas:
Programa Paséate con Nós. Non hai mellor maneira de transferir a sabedoría e o coñecemento ós máis novos que a través dos nosos maiores. Descubride os oficios tradicionais da man de persoas xubiladas do noso pobo que vos achegarán ás temáticas de: nasas, mexillón, marisqueo, carpintería de ribeira e muíños de río.
Ruta do Mexillón. Percorrede nun paseo en barco a Ría de Arousa, un dos espazos máis entrañables desta localidade. Coñecede o ouro negro do mar de Boiro, o mexillón, seguindo a súa senda dende o mar ata o prato.
Centro Arqueolóxico do Barbanza e Castros de Neixón. Onde poderedes seguir as pegadas dos nosos devanceiros e coñecer o gran patrimonio arqueolóxico que se atopa na comarca do Barbanza. Unha visita sobre dólmenes, petróglifos e castros que vos transportará no tempo.
Exposición Etnográfica Mariñeira “Mar de Boiro”. As temáticas que se atopan nos espazos expositivos desta mostra son: Marisqueo de bivalvos, marisqueo de crustáceos e cefalópodos (lagosta, nécora, polbo, centola), pesca de baixura, mexillón. Tamén atopararedes antigas artes de pesca empregadas tradicionalmente polos pescadores.
A Casa das Camelias. Un xardín botánico cunha gran variedade de plantas procedentes de todo o mundo onde os máis pequenos pasarano en grande percorrendo o seu labirinto de camelias, alimentando aos peixes do estanque, visitando un muiño e un hórreo e coñecendo especies vexetais moi curiosas ao longo da visita.
- Para os máis aventureiros, ofrecémosvos outras posibilidades, onde queimar a vosa adrenalina mentres gozades dunha contorna privilexiada: paseos en piragua, canoa, kayak, funtubes... son algunhas das posibilidades de actividades náuticas que se poden practicar en Boiro. Consulta "Turismo Náutico" e “Turismo Deportivo”.