Xa de volta da zona centro, despois do obrigado shopping, suxerímoste que te achegues ao Paseo Fluvial do Río Breiro, unha nova senda peonil, de case 1 km de lonxitude, que une o casco urbano có paseo marítimo de Barraña e na que poderás gozar dun ambiente tranquilo, rodeado de numerosa vexetación, así como dun peculiar lago. Ao longo do seu percorrido atoparás tamén unha variedade de máis de 200 árbores de ribeira, ata seis tipos de plantas -algunhas acuáticas- e unha gran pradería de herbáceos. Conta cunha área recreativa dotada de mesas e bancos en zona de sombra, nos que poder deterte para retomar forzas.
Se sempre che gustou o mar, ou che enche de curiosidade a actividade e vida das mariscadoras, nas praias urbanas do municipio, as de Barraña e Barraña – Saltiño, poderás vivilo dun xeito próximo. Nestas praias de ría ,sempre que a baixamar o permita, poderás contemplar da man destas mulleres como se extrae a ameixa, o berberecho ou o longueirón. Ademais, un paseo marítimo de 3 km de lonxitude percorre estes dous areais, onde encontrarás unha interesante infraestrutura deportiva e de ocio: parque biosaudable, carril bici, campos de fútbol e voleibol – praia, área de adestramento, parques infantís e varios puntos accesibles.
O mar e a serra descobren tamén na paisaxe boirense lugares de gran beleza e riqueza natural que che axudamos a descubrir. Na desembocadura do principal río de Boiro, atópase unha das paraxes naturais máis fermosas e peculiares da zona, o Espazo Natural do Esteiro do Río Coroño: unha área habilitada con 50m² de piñeiral con mesas e grellas, niño de libros, un parque multiaventuras, training box, circuíto saudable e 1480m de pista de running; un lugar ideal para o adestramento e de gran beleza paisaxística.