Si só vas estar unha fin de semana en Boiro propoñémosche esta escapada coa que poderás coñecer os nosos mellores recunchos.
Ao chegar a Boiro, o primeiro que debes facer é percorrer as rúas e as prazas do centro urbano. Na oficina de Turismo, sita na Praza de Galicia s/n, proporcionámosche un bo mapa – rueiro de Boiro para que poidas perderte entre as principais rúas da localidade.
A Oficina de Turismo atópase na praza de Galicia, na casa consistorial, no mesmo casco urbano do municipio, onde xa poderás comezar a túa ruta. Arredor desta encontramos varios dos principais atractivos que che invitamos a descubrir, como é o caso da Igrexa Parroquial de Santa Baia de Boiro, un claro exemplo da arte barroca rural, cuxa orixe remóntase a un antigo templo construído a comezos do século XVII. Este templo parroquial coñeceu no século XVIII as obras de ampliación de maior envergadura. As súas orixes barrocas maniféstanse en motivos estilísticos, resaltando o campanario, inspirado na Torre do Reloxo da Catedral Compostelá. A igrexa está enriquecida coa obra escultórica de mestres como Miguel de Romay, unha das primeiras figuras da escultura barroca galega, e de artesáns e artistas locais como os Núñez da Tenencia, autores de numerosas obras escultóricas por toda a comarca.
Esta igrexa aséntase a carón do Camiño Real, ou como se coñece popularmente, Camiño Vello. Estes eran camiños de tipo sacramental e comercial que unían Santiago de Compostela coas demais localidades. Na beira, asentábanse a poboación formando diferentes vilas que aínda hoxe conservan as mesmas características: rúas estreitas, casas altas con balcón e grandes portais.
Tamén nunha destas rúas, a peonil, atópase o Mercado Municipal de Abastos, unha oportunidade única para que coñezas as tradicións máis arraigadas da nosa localidade; os nosos oficios e costumes. Un espazo que, de luns a sábado, abre as súas portas facendo gala da riqueza da nosa terra e o noso mar e brindándoche a oportunidade de mesturarte coa nosa xente. Mergúllate na nosa idiosincrasia local achegándote a este espazo variado e único de comercio, onde poderás mercar o peixe máis fresco da ría, as mellores carnes ou as estupendas froitas, verduras e hortalizas cultivadas nas hortas do noso municipio.