Esta igrexa aséntase a carón do Camiño Real, ou como se coñece popularmente, Camiño Vello. Estes eran camiños de tipo sacramental e comercial que unían Santiago de Compostela coas demais localidades. Na beira, asentábanse a poboación formando diferentes vilas que aínda hoxe conservan as mesmas características: rúas estreitas, casas altas con balcón e grandes portais.
Tamén nunha destas rúas, a peonil, atópase o Mercado Municipal de Abastos, unha oportunidade única para que coñezas as tradicións máis arraigadas da nosa localidade; os nosos oficios e costumes. Un espazo que, de luns a sábado, abre as súas portas facendo gala da riqueza da nosa terra e o noso mar e brindándoche a oportunidade de mesturarte coa nosa xente. Mergúllate na nosa idiosincrasia local achegándote a este espazo de comercio variado e único, onde poderás adquirir o peixe máis fresco da ría, as mellores carnes ou as estupendas froitas, verduras e hortalizas cultivadas nas hortas do noso municipio.
Exceptuando os domingos, abre tódolos días pola mañá desde as 8.00 ata as 14.00 horas e de luns a venres polas tardes de 18.00 a 21.00
Unha vez abandones o casco urbano, podes elixir entre dúas alternativas. A primeira dirixirte cara á desembocadura do principal río de Boiro, onde se atopa un das paraxes naturais máis fermosos e peculiares da zona, o Espazo Natural do Esteiro do Río Coroño: unha área habilitada con 50m² de piñeiral con mesas e grellas, niño de libros, un parque multiaventuras, training box, circuíto saudable e 1480m de pista de running; un lugar ideal para o adestramento e de gran beleza paisaxística.